janeiro 22, 2016

Roteiro pola "Ruta do Monte Penizas"



O domingo 31 de xaneiro a A.C. Almuinha organiza un roteiro pola "Ruta do Monte Penizas".

A saída será ás 10:30h desde a Igrexa de Santo Tomé de Piñeiro (Marín) e rematará no centro de Marín. Na andaina contaremos coa participación do arqueólogo marinense Aarón Franco que dará unha pequena charla no Castro da Subidá.

Será a segunda dunha serie de andainas dentro do programa "Coñecendo o noso entorno", que comezamos o pasado mes de outubro coa "Ruta das Praias", e que terá continuidade nos vindeiros meses. É unha andaina duns 7 km, de dificultade baixa e duración estimada de 3 horas.

É unha ruta de gran beleza, de gran atractivo cultural, arqueolóxico, etnográfico, paisaxístico e natural, destacando como lugares de especial interese as igrexas románicas de Santo Tomé de Piñeiro e Santa María do Campo, os muíños do río Loira, o menhir de Currás, o Monte Penizas cunhas fermosas vistas da ría, e finalmente o Castro da Subidá, onde asistiremos a unha pequena intervención do arqueólogo marinense Aarón Franco, quen participou nos traballos de recuperación do mesmo.

É un roteiro non circular, polo que cómpre telo en conta. Desde a organización deixaremos algún vehículo en Marín (na entrada do Porto, ao carón da Escola Naval Militar) para poder voltar ao punto de partida, mais por se a asistencia á andaina é numerosa sería bo que aquelas persoas que teñan a posibilidade deixen tamén algún vehículo en Marín para facilitar a volta ao punto de partida.

Para facilitar a chegada ao punto de partida do roteiro da xente que non coñeza a zona, algún membro da organización estará ás 10:00h. na entrada do Porto de Marín (ao carón da Escola Naval Militar).

dezembro 29, 2015

Visita do Apalpador a Marim

O vindeiro xoves día 31 de decembro o Apalpador visitará Marín outro ano máis. Será a partir das 17:00h. cando percorra as rúas de Marín saudando á rapazada e repartindo doces, acompañado dos seus fieis músicos.

Ás 18:00h. chegará á carpa da Feira de Artesanía, que se atopa na Alameda Rosalía de Castro, onde fará entrega dos premios do Concurso de Debuxos "Debuxando ao Apalpador" (xuntamos as bases no presente correo).
 
Queremos aproveitar para animar aos/ás máis pequenos/as a que leven os seus traballos á carpa até o día 30, onde xa se poden ver un bo feixe de debuxos que están alí expostos, e tamén a que a xente visite a carpa, onde amais de botar unha ollada aos produtos dos diferentes postos da Feira poderán tirarse unha foto facendo de Apalpador cunha imaxe do carboeiro.
 
O Apalpador é unha personaxe mítica galega propia das zonas da alta montaña luguesa (Caurel, Cebreiro, Ancares...). O Apalpador, tamén coñecido como Apalpabarrigas ou Pandigueiro, é un carboeiro que vive nas devesas e caracterízase polo seu grande tamaño, viste boina e traxe esfarrapado e con remendos, fuma en pipa e aliméntase con bagas salvaxes e os porcos que caza no monte.
 
Ao rematar o ano baixa da súa escura morada para ir visitar os nenos e nenas e chega cando estes están durmidos, apálpalles a barriga para ver se están fartos ou se teñen fame. Se están cheos dilles “Así, así esteas todo o ano”, deixándolles unha presa de castañas. No caso de teren fame, fica calado e tamén lles deixa unha presa do froito dos castiñeiros. E tamén deixa algún que outro agasallo...
 
Para tranquilizar aos rapaces e rapazas, bulideiros/as pola inquedanza da chegada do Apalpador, os pais cantábanlles:
 
Vaite logo, meu meniño
marcha agora para a camiña
Que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña
Xa chegou o día grande
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande
e virá o Apalpador.
Mañá é dia de cachela,
que haberá gran nevarada
e há vir o Apalpador
cunha mega de castañas.
Por aquela cemba
xa ven relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.
 
Hai moitos personaxes polo mundo adiante que traen agasallos aos nenos polo Nadal. Uns están representados como boa xente e outros como “os malos” mais case que todos teñen un tronco común, ben seguro que precristián. Posibelmente a antiga tradición do Apalpador sexa un dos máis antigos vestixios da nosa cultura. E como parte dun patrimonio ameazado debemos esforzarnos por mantelo. 

A.C. Almuinha / A.C.D. O Gharaboto / Asociación de Artesáns de Marín

I Concurso "Debuxando ao Apalpador"

Bases do I Concurso "Debuxando ao Apalpador":

1.­ Os debuxos deberán versar sobre a figura do Apalpador, e levará un lema escrito en galego.
2.­ Haberá tres categorías. Unha primeira para nenos/as entre 3 e 5 anos. A segunda para nenos/as
con idades entre 6 e 8. E a terceira será para nenos/as entre 9 e 12 anos.
3.­ Para poder participar no concurso, cada neno/a deberá presentar un deseño orixinal, con
calquera material ou técnica, relativo á figura do Apalpador. O deseño será presentado nunha folla
de papel ou cartolina de tamaño A4.
4.­ Entregaranse 20 premios, repartíndose entre as 3 categorías.
5.­ Os traballos terán que ser entregados antes do 30 de decembro de 2015 na Carpa da Feira de
Artesanía, na Alameda Rosalía de Castro de Marín. Os debuxos serán expostos na Carpa desde o
momento da entrega.
6.­ Para identificar os traballos, na parte de atrás dos debuxos deberá constar o nome e apelidos do
autor, así como a súa idade.
7.­ O xurado estará composto por 4 persoas: unha da A.C.D. O Gharaboto, outra da A.C.
Almuinha, outra da Asociación de Artesáns de Marín e o propio Apalpador.
8.­ O veredicto do xurado darase a coñecer e os premios entregados polo propio Apalpador o día
31 de decembro ás 18:00h. na Carpa da Feira de Artesanía, na Alameda Rosalía de Castro de
Marín.
9.­ A participación no concurso supón a autorización expresa para a difusión das imaxes.
10.­ A participación no concurso supón a aceptación de todas e cada unha das presentes bases, así
como o criterio das 3 entidades organizadoras da actividade na resolución de calquera cuestión non
prevista nestas bases.

dezembro 21, 2015

O Apalpador chega a Marim!!!

Outro ano máis o Apalpador volta a Marín!!!  


Este ano organizado entre varias entidades, A.C. Almuinha, A.C.D. Gharaboto e a Asociación Marinense de Artesáns, Apalpador xa pasou pola escola do Carballal. 


E para ir quentando motores ante a chegada a nosa vila do Apalpador o vindeiro 31 de decembro, este ano organizamos o I Concurso de debuxo "Debuxando ao Apalpador" para os/as máis cativos/as.


Animádevos!!! Pois haberá un bo feixe de agasallos!!!




dezembro 14, 2015

O Goberno do PP, pola discriminación lingüística

O GOVERNO MUNICIPAL DE MARÍN, DO PP, NÉGASE A ENVIAR UNHA QUEIXA Á IGREXA CON MOTIVO DA NEGATIVA DE DOUS PÁRROCOS DE MARÍN A CELEBRAR EN GALEGO A MISA DO ANIVERSARIO DO PASAMENTO DO PAI PAÚL FRANCISCO CARBALLO.

Desde a A.C. Almuinha queremos manifestar o noso malestar ante a actitude manifestada no pasado Pleno municipal, celebrado o pasado mércores día 9 de decembro, pola Alcaldesa de Marín, e por extensión polo governo municipal do PP, ao tratar esta cuestión.

Ante a petici...ón de que o Concello de Marín enviara unha queixa á Igrexa pola vulneración dos dereitos lingüísticos dunha parte importante da poboación, a Sra. Alcaldesa respostou cunha negativa alegando que só faltaría, que o Concello de Marín non ten potestade sobre a Igrexa.

Iso xa o sabemos todos/as, mais o Concello é a institución que nos representa a todos/as os/as marinenses, polo que cando os direitos de calquera veciño/a son vulnerados, como nesta ocasión, por suposto que ten o dereito e capacidade para enviar unha queixa a quen cometeu esa vulneración de dereitos.

Cremos que neste caso se manifesta con total claridade que as boas palabras manifestadas en moitas ocasións polo PP en canto á lingua galega non se corresponden coa realidade. A realidade é que desde o PP vese a cuestión do galego como unha cuestión secundaria, sen moita importancia, que os leva a apoiar algunha moción como as presentadas no pasado Pleno Municipal a prol da lingua, en outras moitas ocasións non, ou a asistir a algún acto a prol do galego, mais continúan amosando unha falta de sensibilidade cara a mesma que se manifesta nunha falta de compromiso real.

A Igrexa de Marín, contra o galego



A A.C. Almuinha ven de enviar unha queixa, que xuntamos neste entrada, dirixida ao Arcebispo de Santiago de Compostela con motivo da negativa de dous párrocos de Marín a celebrar en galego a misa do aniversario do pasamento do Pai Paúl Francisco Carballo.

Mais tamén queremos aproveitar para manifestar o noso malestar ante a actitude manifestada no pasado Pleno municipal, celebrado o pasado mércores día 9 de decembro, pola Alcaldesa de Marín, e por extensión polo governo municipal do PP, ao tratar esta cuestión.

Ante a petición de que o Concello de Marín enviara unha queixa á Igrexa pola vulneración dos dereitos lingüísticos dunha parte importante da poboación, a Sra. Alcaldesa respostou cunha negativa alegando que só faltaría, que o Concello de Marín non ten potestade sobre a Igrexa.

Iso xa o sabemos todos/as, mais o Concello é a institución que nos representa a todos/as os/as marinenses, polo que cando os direitos de calquera veciño/a son vulnerados, como nesta ocasión, por suposto que ten o dereito e capacidade para enviar unha queixa a quen cometeu esa vulneración de dereitos.

Cremos que neste caso se manifesta con total claridade que as boas palabras manifestadas en moitas ocasións polo PP en canto á lingua galega non se corresponden coa realidade. A realidade é que desde o PP vese a cuestión do galego como unha cuestión secundaria, sen moita importancia, que os leva a apoiar algunha moción como as presentadas no pasado Pleno Municipal a prol da lingua, en outras moitas ocasións non, ou a asistir a algún acto a prol do galego, mais continúan amosando unha falta de sensibilidade cara a mesma que se manifesta nunha falta de compromiso real.


A/A ARCEBISPO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA, D. JULIÁN BARRIO BARRIO

A.C. Almuinha

EXPÓN
Que nos pasados días fomos testemuñas duns feitos absolutamente inaceptábeis na vila de Marín pola negativa de dous párrocos a celebrar en galego a misa do aniversario do pasamento do Pai Paúl Francisco Carballo, o que constitúe unha clara vulneración dos dereitos lingüísticos dunha parte moi importante da poboación galega.

Consideramos que a simple negativa constitúe unha falta de respecto tanto cara ás persoas solicitantes do oficio, como cara as que empregamos o galego na nosa vida cotiá, unha parte moi importante da poboación da Galiza e da nosa vila, como cara a memoria do Pai Paúl Francisco Carballo, firme defensor da lingua galega.

Mais o máis grave da cuestión foron as palabras e as formas empregadas para expresar tal negativa, amosando un desprezo absoluto pola lingua galega e as persoas galegofalantes que non se pode pasar por alto.

Desde a A.C. Almuinha celebramos que finalmente a misa vaia ter lugar atendendo aos desexos das persoas solicitantes e aos propios desexos do Pai Paúl Francisco Carballo, que estamos seguros irían neste sentido dada a súa traxectoria, pensamento e acción de firme compromiso coa lingua galega.

Mais aínda así queremos expresar a nosa queixa ante o comportamento inaceptábel dos dous párrocos, José Antonio Pedrosa (párroco de San Xulián) e Fernando Chacón (párroco de Santa María do Porto de Marín).

O galego é a lingua propia da Galiza, utilizada na nosa Terra desde hai máis de mil anos por moitas xeracións de galegos/as, é a maior obra criada polo pobo galego ao longo da historia e o noso maior patrimonio.

Nas últimas décadas estamos a asistir a un proceso de substitución do galego polo castelán, que está a ser moi efectivo pois está a conseguir reducir cada vez máis a presenza do galego en todos os ámbitos, e os últimos estudos sobre o uso do galego corroboran estas palabras, polo que cremos que só o compromiso de todos/as coa lingua pode garantir o seu futuro,

POLO QUE SOLICITA

1.- Que feitos como estes que denunciamos non se volten producir.

2.- Que a Igrexa adopte un papel positivo e activo cara a lingua galega, favorábel ao proceso de normalización do galego, e que aporte o seu graniño de área para reverter a tendencia que amosan todos os estudos e que nos últimos meses fixeron acender todas as alarmas en canto á supervivencia da nosa lingua se refire.

Marín, a 11 de decembro de 2015 



novembro 01, 2015

Palestra sobre ENCE

A A.C. Almuinha organiza este venres día 6 de novembro ás 20:30h. na Biblioteca de Marín unha Charla-Coloquio co tema "ENCE fóra para sempre".

Nestes días deuse inicio a unha campaña co lema "ENCE fóra para sempre" na que participan ducias de colectivos do máis variado, e entre as que se atopa a nosa asociación: organizacións políticas, asociacións ecoloxistas, asociacións de veciños, asociacións culturais...
Desde a A.C. Almuinha organizamos este acto co obxectivo de informar da situación actual do complexo ENCE-Elnosa así como da propia campaña que ven de iniciarse. E para isto contaremos coa presenza de Antón Masa (APDR) e Juan Loureiro (Presidente da FAV Castelao de Pontevedra).
Aproveitamos para convidar a toda a cidadanía a que asista e participe do acto, pois o tema é dabondo importante e atopámonos nun momento de especial importancia de cara a ver como queremos que sexa a nosa ría no futuro máis próximo.

outubro 18, 2015

Roteiro das Praias, novo roteiro o vindeiro domingo 25 de outubro

O vindeiro domingo, 25 de outubro, a A.C. Almuinha organiza um roteiro polas praias de Marím. Sairá da Alameda Rosalía de Castro ás 10 da manhá e chegará até a praia do Santo.

A asociaçom cultural Almuinha organiza este domingo, 25 de outubro a primeira dumha série de andainas dentro do programa "Conhecendo o nosso entorno". Contaremos com a participaçom do arqueólogo e amigo Lukas Santiago que nos irá explicando todos os aspectos históricos dos lugares que vaiamos olhando.

Nesta ocassom será o "Roteiro das praias", duns 9 km e duración estimada de 2 horas e meia. A saída está prevista para as 10,00 h da Alameda Rosalía de Castro, e tem dificuldade baixa. En realidade estaba programado para o pasado 13 de setembro mas as más condiçons meteorológicas impediram a saida.

É umha ruta de grande beleza, de grande valor cultural, paisagístico e natural, e na que caminharemos pola práctica totalidade do litoral marinense, passando polas praias de Portocelo, Mogor, Aguete, Loira e a do Santo.

Como lugares de especial interesse destacam os petróglifos de Mogor, nos que faremos umha pequena parada, e no final do percorrido a Ilha do Santo.

É um roteiro nom circular, polo que sería conveniente que aquelas persoas que poidam, deixem umha viatura na Praia do Santo para voltar a Marim ao rematar. Conveniente, mas nom imprescindível, pois desde a organizaçom deixaremos algún carro no final do roteiro.

setembro 30, 2015

Assembleia Aberta de Almuinha: Estamos de volta !!

A A.C. Almuinha organiza umha Assembleia Aberta o vindeiro Sábado 3 de outubro às 16:30h. na Casa da Cultura de Seixo.

O objetivo da mesma é servir de ponto de partida tras ums meses de inactividade. Assi, convocamos umha Assembleia Aberta para que todas as pessoas com inquedanças e com ganas de trabalhar no ámbito sociocultural de Marim poidam achegar-se, conhecer a nossa associaçom e participar nesta assembleia.

A A.C. Almuinha é umha associaçom socio-cultural independente sem ánimo de lucro, nascida em Fevereiro de 2008 com a vontade de ser um instrumento plural e aberto para a defesa e promoçom da lingua e da cultura galegas, objetivo principal da nossa associaçom.

Somos um grupo de pessoas comprometidos/as com a realidade em que vivemos, polo que entre os nossos principios figuram a defesa dos interesses da nossa vila, a justiça social, a igualdade de todas as pessoas, a defesa e proteçom do ambiente, a soberania dos povos e a solidariedade internacional, enmarcando toda a nossa actuaçom desde umha perspectiva de compromisso com o Pais e da firme defesa dos direitos da nossa Terra.

agosto 09, 2014

Manifestaçom contra as touradas 2014


Esté vindeiro sábado día 9 de agosto todas e todos a Ponte Vedra a manifesar-se contra as touradas !! Será as 20h desde a Praça da Peregrina.

julho 08, 2014

VII ROMARIA DA PÁTRIA: SÁBADO 12 DE JULHO

Por sétimo ano consecutivo a Associaçom Cultural Almuinha de Marim em conjunto com a Associaçom Cultural Revira de Ponte Vedra organizamos a VII Romaria do Dia da Pátria, no Sábado dia 12 de Julho, outra vez mais entre Aguete e Seixo em Marim.
 
Desde a sua primeira ediçom o nosso intuito foi popularizar e estender às vilas e cidades a celebraçom do nosso Dia da Pátria, para que a festa do nosso dia grande também se dê fora de Compostela.    
 
Este ano voltaremos sair à Ria com as embarcaçons do Grupo Cultural Ronsel, sem os que um ano mais nom seria possível organizar esta atividade. Todos os que queiram desfrutar da nossa ria desde um barco tradicional têm uma cita o Sábado dia 12 às 17:00 horas no Peirão de Aguete, a atividade é gratuita mas a disponibilidade limitada. 
 
Depois de desfrutar da Ria e da praia vemo-nos na Casa da Cultura de Seixo, onde os membros de Galiza pola Soberania, Duarte Correa e Xosé Collazo, serám os responsáveis da realizaçom da arenga deste ano.
 
Aproveitando o fresco e o marco incomparável da Casa da Cultura de Seixo faremos uma ceia, na que queremos contar contigo, com um custo de 10€ e para a qual é necessária inscriçom, através do nosso correio ou do próprio facebook.
 
Fecharemos o dia com a atuaçom de uma das grandes vozes da nossa música, o guardês Tino Baz, que nos deleitará com o melhor do seu repertório.
 
Saúde e Pátria.

junho 20, 2014

Apoio à Marcha contra Celuloses 2014


Desde a A.C. Almuinha manifestamos, mais um ano, o nosso apoio à Marcha contra Celuloses 2014, convocada pola Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) e que sairá amanhã Sábado 21 de junho, simultaneamente das alamedas de Marim e Ponte-Vedra a partir das 19:30h, para rematar na entrada da fatoria de ENCE, em Lourizám. 

 Este sábado tod@s em Marcha!!!

fevereiro 11, 2014

Contra a reforma do PP da lei em matéria de Interrupçom Voluntária da Gravidez


Desde a A.C. Almuinha queremos rejeitar publicamente a reforma promovida polo Partido Popular a nível do Estado espanhol em matéria de Interrupçom Voluntária da Gravidez.

Consideramos que esta reforma supom um retrocesso brutal contra os direitos da mulher. A mulher tem que decidir sobre o seu corpo, incluído por suposto se quer ou nom ser nai, polo que defendemos o direito ao aborto livre, gratuito e na Sanidade Pública, essa mesma Sanidade que o mesmo Partido Popular intenta desmantelar e vender ao sector privado para o seu negócio e que só a resposta social está a frear.

É inacreditável que um governo, representando os postulados ultraconservadores da Igreja Católica e da direita cavernária espanhola, impeda que a mulher poida decidir livremente sobre o seu próprio corpo, impondo-lhe a maternidade ainda quando ela nom o desejar.

Por outra banda, a reforma nom vai evitar os abortos, mas si promover os abortos clandestinos, com um incremento importante dos riscos para a mulher; por outra banda, aquelas mulheres com boa situaçom económica poderám abortar no estrangeiro.

Em virtude disto, a A.C. Almuinha decidiu aderir esta semana à Plataforma Galega polo Direito ao Aborto, e apoiar todas as mobilizaçons e convocatórias que na defesa dos direitos da mulher se poidam organizar no futuro.

janeiro 06, 2014

10 de Janeiro, Anselmo L. Carreira apresenta o seu último livro: "Historia de Galicia"


A vindeira sexta-feira 10 de janeiro ás 20,30 h na Biblioteca de Marim, apresentaçom do novo livro do Historiador Anselmo López Carreira "Historia de Galicia".



dezembro 29, 2013

O APALPADOR VOLTA A MARIM!

Desde a A.C. Almuinha vimos convidando ao Apalpador nos últimos anos a nossa vila, e este ano nom será menos, polo que por quinto ano esta figura tradicional galega própria destas datas percorrerá as rúas de Marim.

O Apalpador percorrerá as rúas de Marim, acompanhado de vári@s ajudantes miúdinh@s e de músicos, o último dia do ano, 31 de dezembro a partir das 17:00 horas, achegándo-se aos parques infantís, pra apalpar as barrigas dos cativos, vendo que tal comerom ao longo do ano, e repartindo caramelos.

A continuaçom visitará a Feira de Artesania, que este ano terá lugar na Alameda Rosalia de Castro, onde a partir das 18:00 horas organizamos umha pequena obra de monicreques relacionada com a figura do Apalpador.

novembro 29, 2013

O “CIRCO” DAS SUBVENCIÓNS CULTURAIS

Cando a Sra. Alcaldesa chegou no ano 2.011, manifestou que “ela non tiña responsabilidade algunha do que fixera o goberno anterior e que as axudas do 2.009 quedaban “finiquitadas” (non chegaron a resolverse porque xa non se dispoñían dos cartos orzamentados a tal partida) e no 2.010 e 2.011 deran axudas para actividades concretas “de ti a ti”, (descoñecemos cal é o procedemento para optar a elas e a ausente concelleira de cultura négase a recibirnos para explicárnolo, tras solicitar en repetidas ocasións unha reunión por tódolos medios: rexistro, teléfono, correo electrónico...).

En marzo de 2.012, o BOP publica unha convocatoria de axudas para ese ano. Un ano despois, 2.013, chega a resolución (xa sen entrar a valorar a subxectividade da mesma, que leva entre outras cousas a que a Almuinha se lle puntúe con 3 puntos sobre 5 no uso do galego, cando como todo o mundo sabe que é a lingua que empregamos no 100% de actividades e comunicacións), e case no 2.014 Almuinha segue a agardar polas axudas xa concedidas do ano 2.012.

Agora vimos de saber que o Concello esgotou o orzamento de 2.013, polo que, terá que tirar do orzamento de 2.014 para aboar as xa resoltas subvencións do 2.012. O que supón que xa non convocará subvencións no 2.013 e sospeitamos que tampouco no 2.014.

Almuinha, ben porque as axudas do 2009 non se resolveron, as de 2010 e 2011 non se convocaron, as de 2012 “valen” por 2012-2013-2014, e que descoñecemos cal é o procedemento para optar á concesión de axudas para actividades concretas, que son concedidas “de ti a ti” (depende da vontade da concelleira de cultura?), NON RECIBIU AXUDA ALGUNHA DENDE O ANO 2.008. E podemos afirmar, sen temor a equivocarnos, que somos a única entidade cultural do Concello de Marín que non recibe ningún tipo de axuda do noso Concello nos últimos anos.

É lamentable... As asociacións temos que facer mil e unha para facer actividades, poñendo cartos dos nosos petos e investindo o noso tempo libre. Non queremos gañar cartos, queremos poder promover a nosa e lingua e cultura ofrecendo máis e mellores actividades dirixidas a todas e todos.


ESIXIMOS QUE:
-ACABE O “CIRCO DAS SUBVENCIÓNS”. XESTIÓN EFICAZ XA!
-ABONEN AS SUBVENCIÓNS DO ANO 2.012.
-DEFINAN “PUBLICAMENTE” CAL É O PROCEDEMENTO PARA O ACESSO ÁS AXUDAS PARA ACTIVIDADES CONCRETAS.

novembro 20, 2013

Nom máis prórrogas a ENCE-ELNOSA !!


Manifestación "Nom máis prórrogas a ENCE-ELNOSA"

Sábado 23 de novembro ás 19:30h. desde a Praça da Ferraría (Ponte Vedra).

outubro 30, 2013

Roteiro: Castro da Subidá e Petróglifos de Mogor

A A.C. Almuinha organiza um Roteiro polo Castro da Subidá e Petróglifos de Mogor este Domingo 10 de Novembro, que partirá às 10:30h. da Alameda Rosalía de Castro de Marim, e estará guiado polo arqueólogo e historiador marinense Álvaro Arizaga.

Visitaremos 2 dos lugares de maior importancia patrimonial do nosso Concelho, como som o Castro da Subidá e os Petróglifos de Mogor. Nestes sitios contaremos com pequenas charlas de Álvaro Arizaga, que nos contará como vivíam as pessoas que ocupavam os Castros e as que realizavam os Petroglifos.

É um Roteiro doado, de 2:30h. aproximadamente, de grande interesse, e para as pessoas que nom queiram fazer todo o caminho ponhemos as horas aproximadas polas que passaremos polo Castro (11:00h.) e os Petróglifos (12:00h.) para que poidam achegar-se a estes pontos e assistir às pequenas charlas, mas moi interesantes, de Álvaro Arizaga. Às 13:00h. está prevista a chegada à Alameda de Marim.

Com esta actividade queremos continuar difundindo o nosso património, ao tempo que gozamos da nossa paisagem e do nosso entorno natural, polo que queremos animar a todos/as os/as marinenses a que participem desta Saída, que se acheguem a conhecer a riqueza do nosso patrimonio.

Galiza pola Soberania

Desde a A.C. Almuinha queremos animar às pessoas sócias, simpatizantes e amig@s da nossa entidade a apoiar expresamente a iniciativa "Galiza pola Soberania", assinando o Manifesto (http://galizapolasoberania.org/asina-o-manifesto/) - (http://galizapolasoberania.org/blog/2013/08/04/manifesto/).