dezembro 29, 2015

Visita do Apalpador a Marim

O vindeiro xoves día 31 de decembro o Apalpador visitará Marín outro ano máis. Será a partir das 17:00h. cando percorra as rúas de Marín saudando á rapazada e repartindo doces, acompañado dos seus fieis músicos.

Ás 18:00h. chegará á carpa da Feira de Artesanía, que se atopa na Alameda Rosalía de Castro, onde fará entrega dos premios do Concurso de Debuxos "Debuxando ao Apalpador" (xuntamos as bases no presente correo).
 
Queremos aproveitar para animar aos/ás máis pequenos/as a que leven os seus traballos á carpa até o día 30, onde xa se poden ver un bo feixe de debuxos que están alí expostos, e tamén a que a xente visite a carpa, onde amais de botar unha ollada aos produtos dos diferentes postos da Feira poderán tirarse unha foto facendo de Apalpador cunha imaxe do carboeiro.
 
O Apalpador é unha personaxe mítica galega propia das zonas da alta montaña luguesa (Caurel, Cebreiro, Ancares...). O Apalpador, tamén coñecido como Apalpabarrigas ou Pandigueiro, é un carboeiro que vive nas devesas e caracterízase polo seu grande tamaño, viste boina e traxe esfarrapado e con remendos, fuma en pipa e aliméntase con bagas salvaxes e os porcos que caza no monte.
 
Ao rematar o ano baixa da súa escura morada para ir visitar os nenos e nenas e chega cando estes están durmidos, apálpalles a barriga para ver se están fartos ou se teñen fame. Se están cheos dilles “Así, así esteas todo o ano”, deixándolles unha presa de castañas. No caso de teren fame, fica calado e tamén lles deixa unha presa do froito dos castiñeiros. E tamén deixa algún que outro agasallo...
 
Para tranquilizar aos rapaces e rapazas, bulideiros/as pola inquedanza da chegada do Apalpador, os pais cantábanlles:
 
Vaite logo, meu meniño
marcha agora para a camiña
Que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña
Xa chegou o día grande
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande
e virá o Apalpador.
Mañá é dia de cachela,
que haberá gran nevarada
e há vir o Apalpador
cunha mega de castañas.
Por aquela cemba
xa ven relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.
 
Hai moitos personaxes polo mundo adiante que traen agasallos aos nenos polo Nadal. Uns están representados como boa xente e outros como “os malos” mais case que todos teñen un tronco común, ben seguro que precristián. Posibelmente a antiga tradición do Apalpador sexa un dos máis antigos vestixios da nosa cultura. E como parte dun patrimonio ameazado debemos esforzarnos por mantelo. 

A.C. Almuinha / A.C.D. O Gharaboto / Asociación de Artesáns de Marín

Sem comentários: