maio 06, 2010

Anha urbana en Pontevedra

Este vindeiro sábado día 8 de maio o grupo de pandereteiros e pandereteiras da nosa asociación, Almuinheira, participará un ano máis da anha urbana xunto con outros grupos da comarca e arreodores organizada pola asociación cultural Trépia.
A anha comezará as 11:30 da mañá na praza de Mugartegui en Pontevedra. As persoas que se acheguen poderán gozar dun dos itens culturais máis peculiares da nosa terra, a música con sachos, para recordar unha tradición que dende a nosa asociación pretendemos manter aínda viva.

abril 22, 2010

Coñecendo outras realidades: Marrocos

Galiza nos últimos anos foi e é punto de destino de moitas persoas procedentes de moitos e diversos lugares do mundo na procura de traballo e un futuro digno a pesares das múltiplas trabas postas polos distintos gobernos. Estes movementos migratorios cara a nosa terra son vistos por unha parte da poboación como unha ameaza e un problema chegando a ser viculados con fenómenos como a delincuencia ou incluso o terrorismo, ideas espalladas entre a poboación pola propaganda e discursos xenófobos e fascistas de determinados colectivos e partidos políticos .
Fronte estas actitudes a asociación cultural Almuinha organiza para esta fin de semana unhas xornadas coas que pretendemos achegar á poboación de Marín e arredores a realidade do pobo marroquino. Deste xeito sumámonos ás numerosas iniciativas postas en marcha por entidades culturais, sociais e institucionais co obxectivo de derribar os prexuízos que existen contra as persoas migrantes, neste caso marroquinas.
O venres 23 terá lugar a inauguración dunha exposición fotográfica, onde a través das distintas fotografías expostas poderase coñecer a situación do pobo marroquino. As fotografías foron tomadas por diversos membros da asociación que estiveron en varias ocasións en Marrocos. A seguir proxectarase o filme “Retorno a Hansala” na que o expectador pode ver a dureza da vida en Marrocos e coñecer os motivos polos que a súa poboación decide migrar moitas veces xogándose a vida.O sábado 24 a partir das 14h convidamos a todas aquelas persoas que desexen achegarse a degustar unha das comidas máis saborosas e populares de Marrocos, o cuscus, o prezo será de 10€ e é preciso reservar antes do sábado achegándose ao centro social Almuinha, situado na rúa Ezequiel Massoni nº 63 ou ben mediante teléfono 677049789 ou no correo electrónico
a.c.almuinha@gmail.com.

abril 15, 2010

Por umha sanidade 100% pública todos/as a Ponte Vedra

Desde a A.C. Almuinha queremos manifestar o nosso apoio à manifestaçom convocada para esta sexta-feira dia 16 de abril em Ponte Vedra pola Plataforma contra a Privatizaçom da Sanidade, assi como fazer um chamamento à sociedade marinense para que que participe masivamente na mesma. Tam só com a mobilizaçom social se poderám parar os plans do governo galego de comezar a privatizar um serviço básico como é a sanidade.

abril 13, 2010

Grande fin de semana para Almuinha no aberto de billarda de Marín


A penúltima xornada da Liga Nacional de Billarda organizada pola A.C. ALmuinha foi emocionante e deixa un final moi aberto cara a última xornada en Vigo en canto aos/ás palanadores/as que aínda se poden clasificar para a final nacional.
En canto a nós, podemos dicir que deitamos no caldeiro do lixo o refrán de que ninguén é profeta na súa terra ao gañar o aberto de billarda o noso palanador Jurjo e gañar tamén a A.C. Almuinha o trofeo de mellor equipo do aberto, aínda que por un erro matemático do momento non o puidemos celebrar na pista.


abril 05, 2010

Esta fin de semana toca BILLARDA!!!!


Con motivo da celebración este sábado día 10 de abril da penúltima xornada da conferencia sur da Liga Nacional de Billarda no colexio o Sequelo de Marín a A.C. Almuinha, coorganizadora do aberto, ten preparado unha serie de actividades complementarias para dar a coñecer este xogo tradicional galego e que desexamos compartir con todas aquelas persoas interesadas.

A nosa asociación dende a súa fundación vén traballando na recuperación e promoción da billarda, xogo tradicional galego tamén coñecido na nosa vila como garaboto, cacheiro ou lipi-lape tendo organizado xa outros dous abertos con anterioridade na nosa vila. Deste xeito sumámonos ao esforzo que dende outras entidades e asociacións culturais están a levar a cabo para recuperar este xogo, salientando especialmente o papel que neste senso está a facer a A.C. O Varal que dende hai uns anos veñen organizando a Liga Nacional de Billarda (LNB).

A Liga Nacional de Billarda consta de 4 conferencias abarcando así toda a xeografía galega (conferencia norte, noroeste, centro e sur) chegándose a xogar tamén abertos noutros puntos do estado como Asturies e País Basco. O éxito desta iniciativa é evidente sobre todo na conferencia sur, conferencia na que está incluída a comarca do Morrazo, así se na primeira tempada a media de asistencia rondaba os 60-70 xogadores/as na presente tempada houbo un incremento espectacular de participantes chegando a xogar máis de 100 xogadores/as por aberto.

Para explicar todo o proceso de recuperación deste xogo e as claves do seu éxito o venres 9 de abril ás 20h intervirán nunha charla coloquio no centro social Almuinha, situado na rúa Ezequiel Massoni nº 63, varios dos impulsores da Liga Nacional de Billarda.

Tamén para o sábado e antes do comezo do aberto, ás 14h, a A.C. Almuinha ten organizado un xantar de confraternización con todos/as aqueles/as xogadores/as e persoas que desexen asistir ao mesmo. O xantar consistirá nunha fabada, sobremesa, bebida e café cuxoprezo é 10€ sendo preciso facer a reserva ou ben por correo (a.c.almuinha@gmail.com) ou mediante teléfono 606595310 ou 677049789.

Ao rematar o aberto a A.C. Almuinha ten organizado unha pequena festa no centro social Almuinha onde os/as participantes e todas aquelas persoas que se queiran achegar poderán intercambiar impresións de como transcorrei a xornada disfrutando duns petiscos.

março 15, 2010

Palestra: A mulher na Galiza que vem


Desde A.C. Almuinha informamos de que, com motivo do Día Internacional da Mulher e dentro do ciclo de palestras que estamos a desenvolver, o día 17 de março às 20.00 terá lugar no nosso centro social umha palestra que versará sobre “A mulher na Galiza que vem”.

Com esta, queremos dar a conhecer a situaçom e participaçom actual da mulher nos distintos ámbitos da sociedade, ao tempo que, conmemorar um día de reivindicaçom e luita polos direitos das mulheres. Também, reflexionara-se sobre a necesidade de destruiçom do sistema patriarcal, entendendo por este a forma de organizaçom social que origina e produze a subordinaçom, opressom e exploraçom das mulheres. Estamos a assistir e participar dum sistema social e político no que os homens, pola força, pola pressom directa, a través de tradiçons, leis, linguagem, costumes, educaçom, divissom do trabalho, etc determinam o papel que temos que asumir as mulheres pretendendo a nossa perpétua submissom. Para isto contaremos coa intervençom de Luisa Ocampo representante de M.N.G. (Mulheres Nacionalistas Galegas).

Por último, queremos convidar a todas aquelas pessoas que poidam estar interesadas a que assistam à palestra no centro social da associaçom ubicado em Ezequiel Massoni, 63-res do chao, sendo por suposto a entrada de balde.

março 12, 2010

Nom à privatizaçom da sanidade

Desde a A.C. Almuinha queremos manifestar o nosso rejeitamento total aos plans da Xunta de construir um novo hospital em Monte Carrasco (Marcom) para a área sanitária de Ponte Vedra, e o nosso apoio ao anterior projecto de ampliaçom do Hospital de Montecelo.

Em primeiro lugar, estamos radicalmente em contra deste projecto porque abre a porta à entrada de capital privado, e por conseguinte à privatizaçom da sanidade. A privatizaçom da sanidade leva consigo, como já se tem demostrado em outros casos, umha peor atençom sanitária, peor mantemento dos edificios e do equipamento sanitário, umha sanidade mais cara e peores condiçons laborais para @s trabalhador@s. O PP pretende subordinar o interese geral ao interese dumhas poucas empresas ao primar a procura do beneficio privado por diante da atençom sanitária.
Construindo um novo hospital resulta mais doado privatizar a sanidade que privatizar um hospital em funcionamento, como é o Hospital Montecelo. O financiamento, a construçom e a gestiom do novo hospital vam-se ponher em mans dum consorcio privado de construtoras, aseguradoras e bancos, que receberám durante os seguinte vinte anos um "canon" pagado polo SERGAS, ou seja por todos/as nós. Estíma-se que umha vez transcorridos estes 20 anos, o custe do novo hospital será 6 vezes mais caro que de fazer-se com financiamento e gestiom pública. Amais, quando transcorram os 20 anos o hospital estará obsoleto em moitas partes e noutras haverá que fazer obras de mantemento, com o qual haverá que seguir gastando dinheiro.
Por outra banda, este novo projecto supom um desbaldimento dos investimentos feitos até o de agora, quase 60 milhons de euros, e que fam que boa parte do Hospital de Montecelo seja completamente novo. Amais, também se desfilfarram os recursos investidos nas fases previas à ampliaçom (trabalhos relativos às expropriaçons, plams de acceso, abastecementos...). Resulta quando menos salientável que quando a Xunta nom se cansa de repetir umha e outra vez os seus supostos plams de austeridade, agora pretendam construir um hospital pagando 6 vezes mais do necessário e desfilfarrando os investimentos realizados até agora.
Amais de todo isto, a paralizaçom da ampliaçom do Hospital Montecelo e a aposta pola construçom de um novo hospital em Monte Carrasco (Marcom) vai conlevar um novo retraso
Por último, o Hospital de Montecelo é o hospital galego com maior possibilidades de realizar futuras ampliaçons, já que no Novo PGOM reservam-se 300.000 m2, 7 vezes mais espaço disponível que em Monte Carrasco, moi limitado para a sua futura ampliaçom, no caso de ser preciso.
Consideramos, por tanto, que a ampliaçom do Hospital de Montecelo é a melhor opçom porque seria um hospital de financiamento, construçom e gestiom totalmente público, seria mais barato, aproveitariam-se todos os investimentos feitos até o de agora e nom suporia asumir novos retrasos.
para que a Área Sanitária de Ponte Vedra conte com o hospital que precisa.

março 09, 2010

Pola liberdade de expressom em Marim

A Declaraçom Universal dos Direitos Humanos no seu artigo 19 diz-nos: "Todo individuo tem direito à liberdade de opiniom e expressom; este direito inclue o de nom ser molestado a causa da suas opinions, o de investigar e receber informaçons e opinions, e o de difundi-las, sem limitaçom de fronteiras, por qualquer meio de expressom."


O 14 de Fevereiro de 2008, entrou em vigor coa sua publicaçom no número 32 do B.O. P., a “Ordenanza Xeral de Protección Medio Ambiental do Concello de Marin” cujo artigo 19 nos diz: “1. Co obxecto de manter as condicións de limpeza e pulcritude que esixe o ornato da vila, queda prohibido:a) Colocar carteis en paredes, muros, quioscos, fachadas, enreixados, valos, papeleiras, contedores, marquesiñas de parada de autobús, mobiliario urbano en xeral.”



A nossa associaçom está a observar com rigor o cumprimento de dita normativa solicitando os permisos requeridos para a publicitaçom dos nossos actos, o que exige pola nossa parte um certo esforço adicional considerando as limitaçons a respeito dos meios a utilizar consentidos fixados polas autoridades municipais.



Contrariamente, o Concelho de Marim está a incumprir o seu compromisso


de fornecer meios alternativos suficientes para a colagem de cartazes anunciadores de actos culturais e sociais com o fim de garantir esse direito fundamental, como por exemplo, painéis nas principais ruas do casco urbano e dos lugares públicos centrais de cada paróquia.



Todavia mais grave é o incumprimento reiterado da citada normativa por parte de numerosas entidades que, a dia de hoje, se continuam a anunciar em lugares proibidos. Entidades e actos, muitas veces patrocinados polo Concelho de Marim como se pode ler nos prórpios cartazes anunciadores.



A arbitrariedade com que actua o Concelho de Marim na observaçom do cumprimento da normativa promulgada pola Concelheira Delegada de ambiente Dona Pilar Blanco López, já tem sido denunciada pola nossa associaçom, mas seguimos sem obter umha resposta solvente.



É por isso que solicitamos mediante escrito apresentado esta manhá no registro do concelho umha entrevista com a concelheira de ambiente para que cumpra com a normativa e instale meios alternativos de publicitaçom de eventos e actividades sociais, evitando assim a grave limitaçom do nosso direito à liberdade de expressom.



Em caso contrário, nos reservamos o direito a emprender as acçons pertinentes para retirar a mordaça que nos impede comunicar com liberdade a realizaçom das nossas actividades culturais, sociais e desportivas na que pomos todo o nosso carinho, esforço e empenho percurando criar em Marim um espaço para o esclarecimento e o debate das questons que consideramos importantes nesta sociedade adormecida.



ASSOCIAÇOM CULTURAL ALMUINHA


Marim 09 março de 2010

março 01, 2010

MANIFESTO EN DEFENSA DO MONTE PITUCO


A ASSOCIAÇOM CULTURAL ALMUINHA de Marim manifesta o seu apoio ao colectivo de vizinhos "Defende o Pituco" constituido para se opór ao projecto de localizaçom de um polígono industrial no monte Pornedo. O nosso posicionamento basea-se nas análises sobre a implementaçom de políticas semelhantes em outros emprazamentos das que se conclui a focalizaçom de movimentos especulativos interessados em sementar o nosso território de infra-estruturas carentes de umha planificaçom acaida aos interesses reais da nossa economia, potenciando um modelo de desenvolvimento voraz e depredador dos nossos recursos. A oferta de solo industrial em Marim deve ser estudada com rigor. Tem-se provado que a venda de parcelas para o assentamento industrial em outras comarcas nom se corresponde em absoluto como a ocupaçom efectiva dos mesmos, o que nos induz a pensar que a especulaçom está a gerar efectos perniciosos como a pressom ao alça dos preços do solo de uso industrial provocando a expulssom do investimento produtivo autóctone e a entrega dos nossos recursos a agentes forâneos.Um polígono no entorno do Couto de Pornedo incluidos no Espaço Protegido de "Montes do Morraço" estabelecido nas Directrices de Ordenaçom do Território da Junta de Galiza, como Área Estratégica de Conservaçom, teria um forte impacto ambiental e deterioraria a saude da povoaçom de Marim como já têm posto de manifesto os ecologistas por constituires um verdadeiro pulmom da nossa vila. Tanto o próprio assentamento quanto o transporte derivado da actividade industrial no entorno prejudicariam o património natural, medio ambiente, rios, solo de interesse agrícola e formaçons geológicas de enorme interesse, a riqueza florestal e a fauna animal ao romper o seu hábitat de assentamento. Modificaria o entorno paisagístico destruindo o nosso património etnográfico e arqueológico que reune neste área sete jazimentos já afectados nos últimos anos pola construçom da Variante de Marím e da Linha de Alta Tensom Lourizám-Cangas que provocarom, por exemplo, a desapariçom de um importante petroglifo.A nossa cultura natural e histórica é também susceptível de valoraçom económica, e podem fornecer de riqueza e de postos de trabalho a todo um povo. Mas devido à vissom curto-prazista, de obtençom de lucro rápido e sem escrúpulos e a ignorância sobre a riqueza que atessouram os nossos montes e o nosso património arqueológico nom se chega a comprender que os povos mais desenvolvidos, social e economicamente, tiram rédito da sua cultura e nom a destruim. Estes povos prefirem assentar as bases de umha economia auto-sostível, respeitosa com o médio e perdurável, que repercuta no presente e nas geraçons vindeiras, e nom pam para hoje e fome para manhá. Atrás dos cantos de sereia que anunciam o aluviom de postos de trabalho que se podem gerar sempre se acocha a voz do monstro do desenvolvimento irracional que engule todo o que se lhe pom por diante provocando mais dano que proveito.Também nom aceitamos (nomeadamente depois da sentência que declara ilegais os recheios de Prazeres) a pretensom da administraçom de localizar em solo ganhado ao mar de jeito ilícito, o assentamento de industrias alheias à exploraçom dos recursos marinhos. Enquanto às alternativas e segundo dados que fornece Xestur (a sociedade pública responsável para a gestom do solo industrial) existem todavía parcelas disponíveis em outros parques como na Reigosa, ou em Redondela-Mos.E para além da percura de maior superfície para disponibilidade industrial fazémo-nos umha série de perguntas pertinentes: está finiquitada pola nova Junta a funçom de estudo, análise e planificaçom que o anterior governo autonómico encomendava ao novo órgao publico “Galiza SUMA”?; que tipo de indústria se pretende assentar?, Seria nom contaminante?; trata-se de investimentos criadores de emprego neto ou apenas naves de armazenamento que prescindem da contrataçom importante de mao de obra? Todas estas incógnitas estariam em tudo pendentes de isolar. Marim está necessitado de umha planificaçom à sério em funçom dos interesses e características do seu mercado laboral. Reclamamos um plano de fomento do emprego para os colectivos mais desfavorecidos como os parados de longa duraçom, as mulheres, a mocidade, os incapacitados, os colectivos em risco de exclussom social, imigrantes; a adequaçom da formaçom profissional ao mercado laboral da zona; o desenvolvimento sustentável do entorno do Pornedo para o que já existe a proposta de criaçom do "Espaço Natural Arqueológico dos Sete Caminhos" que pretende a valorizaçom dos recursos do lugar. Por último, manifestamos o nosso posicionamento em contra da actitude errática do governo municipal enquanto às suas mudanças de postura a respeito da ubicaçom dos polígonos e também e principalmente a posiçom do Partido Popular, que visando ganhar as próximas eleiçons locais, opta polo tacticismo mais detestável para tirar réditos deste conflito mesmo explicitando a ameaça real de paralisar, desde o governo da Junta de Galiza, a aprovaçom definitiva do PGOM. Ademais, alertamos do intento de criar divissom entre os vizinhos para poder instrumentalizar eleitoralmente estes colectivos. Demasiadas veces na história política recente do nosso pais, muitos movimentos sociais foram asimilados e disoltos quando já nom se lhe tirava rendimento, sem resolver os conflitos que estavam na sua origem, e obviando tomar as decisons no interesse da maioria contando com o imprescindível concurso da participaçom cidadá.

fevereiro 22, 2010

ESTA FIM DE SEMANA ESTAMOS DE ANIVERSARIO

Desde a A.C. Almuinha informamos que esta fim de semana celevramos o 2º aniversário da nossa associaçom com as seguintes actividades:

- Esta sexta-feira 26 de fevereiro a partir das 17:00 horas "Obradoiro de jogos populares" dirigidos a nen@s de entre 3 e 7 anos. Actividade coordinada por umha Pedagoga.

- O sábado 27 de fevereiro temos um Jantar Popular
que consistirá em lacom com grelos a partir das 14:00 horas. O preço é de 10€ para sóci@s e 12€ para nom sóci@s, e é preciso anotar-se como moi tarde esta quinta-feira (26 de fevereiro) a través deste correo ou ben chamando ao 677049789. A partir das 18:00 horas comezará um Serám no que participarám várias agrupaçons de pandereteir@s da vila e arredores e tod@s aqueles que o desejem.

- A partir da sexta-feira 27 de fevereiro também teremos umha Exposiçom de fotos e cartazes das actividades que levamos feito durante estes dous anos de trabalho.

Todas as actividades terám lugar no Centro Social Almuinha situado na rua Ezequiel Massoni nº 63.


fevereiro 17, 2010

A Galiza que vem: Xosé Manuel Beiras

A A.C. Almuinha quer comunicar que esta sexta-feira, dia 19 de fevereiro, a partir das 20:00 horas organizamos umha palestra com o título "A Galiza que vem" na que intervirá Xosé Manuel Beiras Torrado. A palestra terá lugar no Centro Social Almuinha, na rua Ezequiel Massoni 63, sendo a entrada de balde. Deste jeito continuamos com a serie de palestras, que tiverom o seu inicio o passado dia 12 de fevereiro com a palestra titulada "Mocidade e compromisso" e que terám continuidade nas vindeiras semanas, que tenhem por obxecto debulhar os reptos do nosso pais no futuro próximo. Desta volta, contamos com a presença de X.M. Beiras, economista, político e escritor, membro histórico do nacionalismo galego. Foi vozeiro nacional do BNG, Presidente do Consello Nacional do BNG e o seu vozeiro no Parlamento galego, na actualidade encabeza a corrente interna do BNG denominada Encontro Irmandiño, continuando amais à fronte da cátedra de Estrutura Económica da Facultade de Ciencias Económicas na USC. Também é un prolífico escritor, tendo publicado un bo número de obras como: "O problema do desenrolo na Galiza rural", "O atraso económico da Galiza", "O atraso e nós. Aportación para un debate encol o atraso económico", "Por unha Galiza liberada", "Constitución española e nacionalismo galego: unha visión socialista", "Prosa de combate e maldicer", "O Estado da Nación". Amais participou en várias obras colectivas: "Introdución á economía galega de hoxe", "A Galiza rural na encrucillada", "Contaminación industrial e desenvolvimento", "Dende Galiza: Marx. Homenaxe a Marx no 1º centenario da súa morte". Também traduciu ao galego varias obras de teatro.

fevereiro 13, 2010

Entre as armas e as palabras. Posicionamento a respecto da mudanza de nomes de rúas

A asociación cultural Almuinha, con xa dous anos de existencia, leva reclamando dende a súa fundación ao concello a mudanza dos nomes de rúas cuxa nomenclatura fagan referencia a personaxes relacionados co franquismo así como a retirada de toda simboloxía franquista que puidera haber na nosa vila dando cumprimento á Lei de Memoria Histórica. É por isto que recibimos con ledicia a nova producida xa o pasado mes en que por parte do concello se decidía levar adiante por fin esta mudanza que por outra banda ao noso entender tardou demasiado.

A nosa asociación ten como obxectivos ademais de defender e potenciar a lingua e cultura galega promocionar valores como a solidariedade, a igualdade, o irmanamento e o respecto entre pobos e culturas e o pacifismo, é por iso que entre as armas e as palabras escollemos as palabras e entre Jaime Janer, militar, e Rosalía de Castro escollemos a grande escritora galega sen dúbidas, ao igual que entre unha persoa considerada polo réxime franquista como un mártir, Calvo Sotelo, e unha loitadora pola emancipación da muller, Concepción arenal, escollemos a esta última tamén.

Non entendemos a polémica xurdida con esta mudanza de nomes por parte dalgúns partidos e asociacións que parece que prefiren seguir ancorados no pasado no canto de mirar ao futuro. Non negamos que a morte de Jaime Janer producira un enorme pesar na nosa vila no ano 1924 mais xa pasaron moitos anos e a sociedade na que vivimos xa non é a mesma que a daquela época e os valores que poida representar un militar, entendemos dende a nosa asociación, non poden ser uns valores que se deban difundir e reivindicar nunha sociedade que aspira a vivir en paz.

Reivindican as asociacións, partidos e veciñ@s contrarios á mudanza que Jaime Janer puxo a Marín no mapa ao construír o polígono de tiro, antecedente do que hoxe é a escola naval, unha fazaña intelectual para eles un grande erro para nós, ademais de derrubar o monte Pesqueira entre outras tropelías supuxo un erro enorme para o urbanismo de Marín ao cercenar a parte máis fermosa do seu casco urbano impedindo o crecemento de Marín nas zonas que o recinto militar ocupa. Calquera hoxe en día pode ver que eses terreos serían máis aproveitábeis con calquera outra actividade, mais os militares e os inmobilistas non o queren ver, prefiren que un hospital equipado se convirta nunha residencia para militares retirados no canto de dar servizo á poboación de Marín e arredores, prefiren que unhas instalacións deportivas que pagamos tod@s cos nosos impostos sexan disfrutadas só por “catro gatos” uniformados. Se o que conseguiu Jaime janer e a escola naval foi pór a Marín no mapa, a nosa asociación prefire non sair nel antes que pasar a vergoña de dicir que mexan por nós e dicir que chove.

Alá aqueles que prefiran seguir no militarismo e o pasado máis rancio e os que intentan torpedear un novo Marín que pide renovarse, cambiar, avanzar. Nós seguiremos a reclamar a retirada de toda simboloxía fascista e militarista continuando a reclamarlle ao concello que faga as xestións necesarias para a retirada da placa colocada en homenaxe aos caídos do bando fascista na igrexa vella de Marín así como tamén a retirada dun escudo fascista da fonte da Porteliña.

fevereiro 08, 2010

Palestra a Galiza que vem, mocidade e compromisso

Esta sexta-feira dia 12 de fevereiro, a partir das 20:00 horas, a A.C. Almuinha organiza umha palestra com o título "Mocidade e compromisso", na que intervirám representantes das organizaçons juvenís galegas Adiante, AMI e Isca.

No momento no que estamos a viver, com um governo na Xunta que está a atacar sem disimulo qualquer rasgo da nossa identidade colectiva e cumha situaçom económica que está a agravar as condiçons económicas da maioria da populaçom e no que assistimos a um recurte dos direitos sociais e laborais, a organizaçom para resistir o embate neoliberal e antigalego é mais que necessária, e o compromisso e a coherência umha obriga.

Cada organizaçom explicará a sua vissom do momento actual no que nos atopamos, o papel da mocidade, e as perspectivas para afrontar o futuro mais próximo do nosso pais.

janeiro 25, 2010

CHARLA COLOQUIO SOBRE OS RECHEOS ILEGAIS DO PORTO DE MARÍN

En recentes datas o Tribunal Supremo ditou unha sentenza na que se declaraban ilegais os recheos realizados nos últimos dez anos no porto de Marín, dándolle así a razón aos veciños e veciñas dos Praceres que agrupad@s nunha plataforma decidiron loitar contra semellante desastre ecolóxico permitido e financiado polo goberno da Xunta, Deputación e Autoridade Portuaria.
Este venres día 29 a partir das 20h representantes desta plataforma participarán nunha charla coloquio no Centro Social Almuinha, situado na rúa Ezequiel Massoni nº 63, onde contarán a tod@s @s presentes a loita contra os recheos feitos no mar.

janeiro 19, 2010

Defendamos o galego, non ao decretazo


A A.C. Almuinha quere facer público o apoio total da nosa asociación á folga xeral no ensino en defensa do galego convocada para o vindeiro dia 21 deste mes de xaneiro e facemos un chamamento a participación masiva na mesma.


O borrador do denominado decreto do “plurilingüismo” feito público con nocturnidade e alevosía o pasado 30 de decembro non resposta a ningún tipo de criterio pedagóxico a través do cal poida mellorar a educación do alumnado galego senón que resposta máis ben a intereses políticos contrarios á nosa lingua. O goberno de Alberto Núñez Feijoó en contra de calquera lóxica está empeñado en recurtar os pequenos avances conseguidos para o galego durante a pasada lexislatura supoñendo isto un enorme paso atrás no proceso de normalización da nosa lingua, convertíndose este decreto nunha das normas máis regresivas en canto a linguas se refire de todo o estado.




Somos sabedores de que o futuro do galego non depende única e exclusivamente do ensino mais si que este é fundamental nunha planificación seria para acadar a recuperación e normalización dunha lingua como a nosa por ser esta a única oportunidade para os rapaces e rapazas, en moitos casos, de aprendela. Este decreto non garante que o alumnado remate o ensino obrigatorio con plenas competencias na lingua propia da Galiza, o galego, e é imposíbel que unha lingua subsista se os seus falantes non a aprenden e dominan.




Por iso cremos que o goberno de Feijoó está a cometer con este decreto una grave irresponsabilidade histórica, incumprindo as súas obrigas como presidente da Xunta de potenciar e defender o galego garantindo a súa pervivencia en vindeiras xeracións. Irresponsabilidade á cal se suma o ter provocando e trasladado xunto e en connivencia con reducidos sectores galegógobos un conflito anteriormente inexistente á sociedade como así o amosa o rexeitamento maioritario da comunidade educativa e da sociedade no seu conxunto, manifestado por unha grande cantidade de asociacións, sindicatos, a Real Academia Galega e entidades de todo tipo que probabelmente irá en aumento nos vindeiros días e meses.




Unha das supostas vantaxes deste decreto, segundo o goberno da Xunta, será a aprendizaxe dunha lingua estranxeira, o inglés, ao que na teoría se lle vai adicar o 33% das horas. Non estamos en contra da aprendizaxe de ningunha lingua, cantas máis saibamos máis oportunidades de comunicarnos teremos, mais o inglés non é unha das linguas oficiais e esta aprendizaxe non pode ser a costa de perder horas na lingua propia, máis cando esta non está nunha situación de normalidade. Cremos que para aprender inglés ou calquera outra lingua débense pór outro tipo de medios, tales como aumentar becas para estadías no estranxeiro para alumnado e profesorado, profesores nativos, laboratorios de linguas, reducindo o número de alumn@s por aula…




Por outra banda, partindo de que o propio borrador recoñece a imposibilidade de levar a practica o 33% das horas en inglés, que nos pretenden vender? Como se van cubrir estas horas que non se van ofrecer en inglés? Todo fai pensar que o inglés é unha escusa para que estas horas a posteriori sexan ocupadas maioritariamente polo castellano, rompendo así dun xeito perverso o equilibrio entre o castellano e o galego, por outra banda nunca cumprido, do decreto aínda vixente.




Vemos dende a nosa asociación con preocupación como máis alá das boas palabras de que todos e todas queremos o galego, incluso por parte dos sectores máis belixerantes coa nosa lingua, os feitos van na dirección contraria por parte do goberno galego. A realidade obxectiva da nosa lingua é que está a perder falantes progresivamente, e se queremos garantir o futuro da nosa lingua hai que lle por remedio, non atacala. A nosa lingua precisa de medidas que poñan freo a esta situación, non de boas palabras e de medidas que a atacan sen disimulo e procuran o seu arrinconamento, e que levan consigo a súa desaparición.




Desde a A.C. Almuinha sumámonos ao rexeitamento maioritario da sociedade galefa e esiximos a retirada deste borrador e que o goberno galego cumpra as súas funcións no que se refire á promoción e potenciación e normalización do galego.

janeiro 18, 2010

Jantar temático, o sabado 23 no Centro Social


A Asociación Cultural Almuinha organiza para este sábado día 23 de xaneiro a partir das 14H no Centro Social Almuinha, situado na rúa Ezequiel Massoni nº 63 o primeiro dunha xeira de xantares temáticos que a nosa asociación realizará ao longo dos vindeiros meses.

Este primeiro xantar temático consistirá nun cocido galego acompañado de sobremesa, viño e licor café e para todas aquelas persoas que así o desexen haberá alternativa vexetariana. A comida terá un prezo de 10€ para os socios e socias e de 12€ para aquelas persoas que non sexan soci@s.

Prégase a aquelas persoas que queiran vir xantar connosco que reserven con antelación, podendo facelo no propio local ou ben a través do correo electrónico a.c.almuinha@gmail.com ou chamando ao número 677049789.



janeiro 15, 2010

Reportagem visual de actividades no Centro Social Almuinha


Debute de novos valores da música galega na festa da passagem de ano


Bailando com Maedi Visna

Palestras, charlas, debates. O Apalpador nas Festas do Solstício de Inverno


Nom aos polígonos "industriais" destrutores do nosso território e cultura !

I ABERTO DE BILHARDA DE BUEU


Este sábado 16 de Janeiro às 16 h, no pavilhom de desportos de Beluso em Bueu o Concelho de Bueu com a colaboraçom da A.C. Almuinha organiza o I Aberto
de Bilharda de Bueu no que haverá prémios para os/as primeiras/os classificadas.

Nom faltedes !!!

Mais informaçom no blogue da Liga Nacional de Bilharda:
http://lnbsur.wordpress.com/

janeiro 11, 2010

Este xoves 14 de xaneiro charla no centro social


A vindeira 5ª feira (xoves) dia 14 de janeiro a A.C. Almuinha organiza umha palestra com o título "Polígonos industriais em Marim". Terá lugar a partir das 20:00 horas no Centro Social Almuinha (rua Ezequiel Massoni 63 res-do-chao) e nela intervirám representantes d@s vizinh@s afectad@s da Brea, do Monte Pituco, da associaçom de vizinh@s de Sam Xuliám, da APDR, de Luita Verde e do Colectivo Nacionalista de Marim.

Como é bem sabido, a posível construçom de um polígono industrial ou de vários minipolígonos na nossa vila está a suscitar um importante debate social desde hai bastante tempo. A este debate hai que engadir as protestas levadas a cabo em numerosas ocassons por parte d@s vizinh@s das zonas afectadas e a oposiçom de várias entidades sociais.

É por isto que consideramos este tema de especial releváncia para o futuro da nossa vila polo que organizamos esta palestra com o obxecto de exponher diversos pontos de vista de várias entidades sociais.

Por último, queremos convidar a todas aquelas pessoas que poidam estar interesadas no tema para que assistam à palestra, tanto a escoitar as diferentes intervençons como a participar dando a sua postura no debate que seguirá ao remate das mesmas, sendo por suposto a entrada de balde.