fevereiro 18, 2016

Sendeirismo en Marín


A A.C. Almuinha solicita ao Concello de Marín unha política ambiciosa que conleve as actuacións precisas para converter Marín nun referente do sendeirismo, coa creación nunha primeira fase de dúas novas rutas de sendeirismo: a Ruta das Mámoas e a Ruta do Río Lameira; a suficiente publicidade do Roteiro do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños; e claridade en canto a Ruta do Monte Penizas.

Engadimos o escrito dirixido ás Concellarías de Cultura, Festas e Dinamización; Deportes e Xuventude; Medio Ambiente e Benestar Social; e Turismo e Comercio do Concello de Marín:

O sendeirismo é unha práctica deportiva que cada vez conta con máis afeccionados na Galiza. Cada fin de semana centos de persoas saen das súas casas a percorrer os carreiros e camiños do noso país coa intención de facer deporte ao mesmo tempo que gozar da natureza, cultura e paisaxes da nosa Terra.
 
En Marín até hai pouco contabamos con dúas fermosas rutas sinalizadas: a “Ruta das Praias”, que parte do aparcadoiro previo á Praia de Portocelo e chega até a illa do Santo percorrendo a práctica totalidade do litoral do noso concello, e a “Ruta do Monte Penizas”, que saíndo do lavadoiro do río Lameira no centro de Marín chega até a igrexa de Santo Tomé de Piñeiro.
 
A estas dúas rutas hai que engadirlle o “Roteiro do Espazo dos Sete Camiños”, que foi inaugurado o pasado mes de xuño; en breve o interesante “Roteiro dos Cinco Miradoiros”, que estará rematado nun futuro próximo; e... outra "Ruta do Monte Penizas"!!!
 
O pasado domingo 31 de xaneiro desde a A.C. Almuinha organizamos unha andaina pola “Ruta do Monte Penizas”, a segunda dentro do programa "Coñecendo o noso entorno" co que pretendemos difundir o patrimonio cultural e natural do noso concello, dando a coñecer e poñendo en valor os elementos máis destacábeis, ao tempo que fomentar hábitos saudábeis, e na organización desta actividade atopámonos cuns paneis informativos, de recente colocación, da "Ruta do Monte Penizas" (un que está na estrada que vai cara a Moreira e o outro no Castro da Subidá), nos que se sinaliza unha ruta que é ben diferente da que existiu até agora con ese mesmo nome.
 
Mentres a páxina web do Concello de Marín (http://concellodemarin.es/roteiros/), e outras como a de Terras de Pontevedra (http://www.terrasdepontevedra.org/es/visitar-marin/670-ruta-do-monte-penizas.html), recollen a tradicional “Ruta do Monte Penizas”, que remata na igrexa románica de Santo Tomé de Piñeiro, nos paneis mencionados a ruta desvíase ao chegar a Penizas baixando por Castro, Sete Espadas e volta ao Castro da Subidá para rematar en Marín, polo aínda que coinciden na primeira metade do percorrido, logo convírtense en rutas completamente diferentes (unha remata en Santo Tomé de Piñeiro e a outra volta a Marín nun percorrido circular). O feito de que existan dous roteiros de sendeirismo co mesmo nome leva a confusión de todas aquelas persoas que procuran información.
 
Desde a A.C. Almuinha vemos con bos ollos, como non podía ser doutro xeito, a sinalización de novos roteiros que aumenten as posibilidades de lecer no noso concello, mais non entendemos como se anuncian desde o propio Concello de Marín dúas rutas de sendeirismo co mesmo nome. Posto que os paneis son de recente colocación, significa isto que se vai abandonar a anterior “Ruta do Monte Penizas” que chega até Santo Tomé de Piñeiro? De confirmarse este extremo parecerianos un erro importante, pois suporía abandonar un roteiro que nos achega a elementos de gran importancia cultural do noso concello, como son o menhir de Currás e as igrexas románicas de Santa María do Campo e Santo Tomé de Piñeiro.
 
Outra cuestión que queremos trasladar en relación cos roteiros é que no noso concello existe outro roteiro sinalizado, o “Roteiro do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños”, entre Marín e Pontevedra. É un roteiro dunha gran beleza natural cunhas espectaculares vistas da ría e da vila de Marín e dunha gran importancia cultural, pois achéganos durante o seu percorrido a numerosos petróglifos e mámoas, como a Mámoa dos Sete Camiños ou a do Catadoiro, os petróglifos de Pinal de Caeiro, ou o Conxunto Rupestre do Pornedo.
 
Mais desde a A.C. Almuinha, como unha das asociacións que apoiou o proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, consideramos incomprensíbel a falta de publicidade por parte do Concello de Marín desta ruta de sendeirismo, que carece da máis mínima información na páxina web do Concello p.e., máis alá da organización dunha andaina o pasado mes de outubro, andaina que aínda que valoramos positivamente resulta absolutamente insuficiente para a publicidade do Roteiro.
 
Por outra banda, na área do Lago de Castiñeiras e arredores atópase un dos conxuntos de mámoas máis importantes da Galiza, localizadas en montes comunais de varias parroquias dos concellos de Marín, Vilaboa e Moaña. Nesta zona localízanse numerosos dólmenes, mais destacan Chan de Armada (Marín), a Mámoa do Rei (Vilaboa) e Chan da Arquiña (Moaña).
 
Hai uns anos, concretamente no ano 2007, iniciáronse os traballos para a criación dun roteiro duns sete quilómetros e medio, a “Ruta das Mámoas”, que conectaba todas estas mámoas, baixo a coordinación dos comuneiros das parroquias afectadas, dos Concellos de Marín, Vilaboa e Moaña e as consellarías de Medio Ambiente, Medio Rural e Cultura, estando subvencionado con fondos europeos.
 
É un proxecto dun gran interese natural e arqueolóxico, que os seus promotores agardaban estivera operativa no verán de 2008. Durante un tempo traballouse na limpeza e adecuación do camiño, mais cando faltaba pouco máis que a sinalización da ruta e uns paneis informativos nas mámoas, o proxecto ficou abandonado.
 
Desde a A.C. Almuinha consideramos dunha gran importancia retomar o proxecto desta ruta de sendeirismo, pois permitiría a posta en valor destes xacementos prehistóricos, elementos arqueolóxicos dunha gran importancia e interese cultural, ao tempo que completar a oferta que debe ofrecer un espazo provilexiado de lecer como é o Lago de Castiñeiras.
 
Por último, queremos manifestar o apoio da A.C. Almuinha á moción aprobada no pasado Pleno do Concello de Marín celebrado o pasado día 9 de febreiro relativa á criación da “Ruta do Río Lameira ou Río de Castiñeiras”, que comunica Marín co Lago de Castiñeiras seguindo o curso do río Lameira. É unha ruta pola que a nosa asociación xa realizou un roteiro no ano 2013 e nesa andaina puidemos constatar, con pesar, o seu completo abandono.
 
Desde a A.C. Almuinha consideramos que de levarse a cabo estas actuacións o noso concello situariase como un referente do sendeirismo ao dotarse dunha ampla rede de roteiros, seis concretamente, aumentando deste xeito as posibilidades de lecer no noso concello, ao tempo que se fomenta a práctica deportiva e os hábitos saudábeis entre a poboación, e que percorrerían os lugares de maior interese do noso concello, permitindo a posta en valor de moitos elementos que hoxe en día non gozan de promoción axeitada.

POLO QUE SOLICITAMOS
 
1.- Unha solución á confusión provocada pola existencia a día de hoxe de dúas rutas co mesmo nome de "Ruta do Monte Penizas". Posto que a nova ruta xa está sinalizada en paneis, co conseguinte gasto económico, e tendo en conta que o certo é que o nome parécenos máis axeitado para denominar a nova ruta, pois ao chegar ao Monte Penizas dá a volta, desde a A.C. Almuinha proporiamos mudar o nome da anterior ruta polo de "Roteiro do Monte Penizas - Santo Tomé de Piñeiro". Mais en calquera caso, solicitamos que non se abandone a ruta que chega a Santo Tomé de Piñeiro.
 
2.- A colocación de dous postes indicadores no alto do Monte Penizas, no lugar exacto onde as dúas rutas se separan, que sinalicen con claridade a continuación das dúas rutas: "Ruta do Monte Penizas" por unha banda e "Ruta do Monte Penizas - Santo Tomé de Piñeiro" por outra, coa intención de evitar confusións ao atoparnos na actualidade con sinais cara direccións opostas.
 
3.- A colocación de postes indicadores coa nova denominación da ruta que chega até Santo Tomé de Piñeiro ao longo da mesma.
 
4.- O inicio das actuacións necesarias para a criación da “Ruta das Mámoas”.
 
5.- A execución do acordo do Pleno do Concello de Marín do pasado día 9 de febreiro en relación a criación da “Ruta do Río Lameira ou Río Castiñeiras”.
 
6.- A colocación de paneis informativos ao comezo e final das distintas rutas de sendeirismo, así como nos principais elementos de interese que nos atopamos nos distintos roteiros para, dun xeito pedagóxico e ameno, aumentar o coñecemento dos mesmos e favorecer a súa posta en valor.
 
7.- A publicidade e difusión por parte do Concello por todos os medios ao seu dispor (folletos, páxina web...) de todas as Rutas de Sendeirismo existentes no noso concello, e queremos salientar especialmente o “Roteiro do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños”, que malia ser inaugurado o pasado mes de xuño aínda carece da necesaria publicidade por parte do Concello de Marín.

Marín, a 15 de febreiro de 2016

Sem comentários: