julho 12, 2012

Denunciamos ao Concelho de Marim

Os colectivos Almuinha, O Ronsel, Defende o Monte Pituco, Luita Verde, Queremos Galego Marín, Colectivo Nacionalista de Marín e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo veñen de presentar diante da Dirección Xeral de Patrimonio un escrito de denuncia contra o concello de Marín por coorganizar e permitir a celebración dunha proba de trial no Bosque de Cadro.

No citado recinto localízase o complexo rupestre denominado “Petróglifos do Bosque de Cadro”, xacemento da Idade do Bronce, consistente e 5 grupos de petróglifos, e catalogado no Inventario Xeral de Patrimonio de Galiza co número de rexistro GA36026024, dentro da categoría de Ben de Interese Cultural (BIC).

Distintos colectivos sociais da vila, entre os que están os que asinan o escrito de denuncia, presentaron con anterioridade á celebración da proba un escrito, tanto no concello como na Dirección Xeral de Patrimonio, solicitando a suspensión da proba por entendermos que podería ter unha afección negativa sobre os petróglifos, tendo en conta as características que teñen as probas de trial, xa que as rochas adoitan formar parte dos obstáculos a superar polas motos, e que unha parte dos petróglifos citados están na actualidade ilocalizábeis debido a décadas de abandono.


Segundo o artigo 4 da Lei 8/1995 de 30 de outubro de 1995, do Patrimonio Cultural de Galiza, os concellos teñen a obriga de protexer, defender, realzar e dar a coñecer o valor cultural dos bens integrantes do patrimonio cultural de Galiza que se localicen no seu termo municipal. Ademais correspóndelles, adoptar en caso de urxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens de patrimonio cultural os bens de patrimonio cultural de Galiza que visen o seu interese ameazado.

O concello incumpriu a conciencia este artigo, sendo coorganizador do evento e permitindo a súa celebración, chegando a poñerse en contacto, a través da secretaria da alcaldesa, cun membro da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo para que subira ao recinto co concelleiro de eventos e festexos, José Luis Lago, e ver o percorrido da proba e ver como o petróglifo localizado estaba rodeado cunha cinta.

Só polo feito de realizar esta proba sen comunicar nin solicitar autorización a Patrimonio xa supón cometer unha infracción da normativa vixente.

A Plataforma en Defensa dos Montes de Morrazo e o resto dos colectivos asinantes entendemos, e así llo fixemos saber, que nós non eramos quen tiñamos que conceder ou non os permisos para a realización da proba, que simplesmente informábamos, tal como obriga o artigo 3 da Lei 8/1995, do perigo de destrución ou deterioro dun ben integrante do patrimonio cultural de Galiza.

No escrito (
http://defendeomorrazo.wordpress.com/2012/06/26/a-plataforma-presenta-un-escrito-pedindo-a-suspension-da-proba-de-trial-nos-arredores-do-complexo-rupestre-do-bosque-de-cadro/) presentado con anterioridade á proba solicitando a súa suspensión informábamos da área de protección que distintas leis marcaban para os Bens de Interese Cultural (BIC), 200 metros, e que polo tanto rodear cunha cinta o petróglifo localizado ademais de incumprir a lei era unha burla e que se ativera ás posíbeis consecuencias no caso de seguir adiante coa proba.

Nese sentido, e dacordo co artigo 90 da Lei 8/1995, consideramos que o concello de Marín cometeu unha infracción leve por non notificar e carecer do permiso da Consellaría de Cultura para a realización do evento e solicitamos que se abra un expediente sancionador contra o concello de Marín que segundo estabelece a propia lei poderá chegar até 60.101,21€.

Sem comentários: