agosto 09, 2011

Contra as touradas espanholas a manifestar-se este sábado 13 !!!



Recolhemos o manifestado pola Coordenadora Antitouradas de Ponte Vedra:

"Por cuarto ano consecutivo vai ter lugar a xa tradicional manifestación antitouradas, que baixo o lema “Touradas fóra de Pontevedra” e froito da dinámica asemblear e unitaria iniciada no ano anterior levará ás rúas da cidade a oposición á barbárie taurina e a demanda da abolición da tauromaquia. Será o sábado 13 de Agosto ás 20h con saída e remate na praza da Peregrina.


As touradas están baseadas na tortura, a dor e o ensañamento do touro. Transmiten valores negativos, como o uso inxustificado da violencia, o desprezo cara os dereitos dos animais, o goce coa tortura e o maltrato animal. Segundo a Declaración Universal dos Dereitos dos Animais, artigo 11:”todo acto que implique a morte dun animal sen necesidade é un biocidio”.



As tradicións deben funcionar como soporte do que nos define, mais tamén do que esperamos do futuro. Aquelas que están sustentadas na violencia e no aniquilamento non fan máis que perpetuar comportamentos que deben ser rexeitados da sociedade.


Ademais, para os galegos e galegas, as touradas non teñen nada que ver coa nosa historia nen coa nosa cultura, chea de tradicións populares que esmorecen e que sí son dignas de recuperación.


As temporadas taurinas, as escolas e as gandarías son financiadas con diñeiro público que tamén pagamos as galegas e os galegos, que somos os que menos interese temos nas touradas en todo o Estado.


Segundo diversas enquisas, o 90% consideramos que a tortura dos animais como diversión debe ser suprimida, e a inmensa maioría da poboación nunca asistimos nen asistiremos a unha corrida de touros.


Eliminar as touradas non é unha utopía, como demostran os casos de Catalunya e de Canarias.


Por todo isto demandamos:


1. O cese inmediato de axudas encobertas ás touradas por parte de todas as Institucións Públicas, nomeadamente a Deputación de Pontevedra, principal soporte público na nosa cidade.


2. Que o Parlamento de Galiza modifique a Lei 1/1993 de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Cautividade, que exclúe no seu artigo 5º as touradas, para que prohíba estas actividades.


3. O cese de uso de espazos públicos para a promoción das touradas, así como a supresión dos programas das festas editados polo noso Concello.


4 A Declaración de Pontevedra como “Cidade Antitouradas e amiga dos animais”


5. A reconversión da Praza de Touros nun Coliseu para espectáculos culturais e concertos."

Sem comentários: