Desde a A.C. Almuinha queremos manifestar o noso profundo desacordo en relación coa decisión tomada polo Consello Escolar do I.E.S. Salvador Moreno de mudar o actual nome do Instituto por “Illa de Tambo”.
Desde a nosa asociación manifestamos o noso posicionamento favorábel á mudanza do nome do Instituto e propuxemos o nome de “Blanco Freijeiro”, un marinense de recoñecido prestixio, uníndo-nos así a diferentes sectores e entidades que defendían a adopción deste nome para o instituto da nosa vila. Mais nom tiña por que ser este, xa que consideramos que había outras posibilidades vencelladas con Marín igualmente aceitábeis.
É por isto que nos sumamos ao unánime sentir, non tan só das asociacións e entidades marinenses, senón tamén de toda a poboación de Marín. É unha decisión incompresíbel, que conseguiu poñer de acordo a entidades, colectivos e persoas de moi diverso signo, polo que solicitamos sexa reconsiderada a decisión.
Reiteramos que nós propuxemos un nome, mais aceitamos calquera outro nome que teña unha mínima relación con Marín, como así se solicitaba cando se abriu o prazo e se solicitou a colaboración na apresentación de propostas.
Así, unha decena de asociacións da nosa vila enviamos un escrito á Delegación Provincial de Educación, solicitando a paralización do procedemento de mudanza do nome do I.E.S., ao tempo que a nosa asociación enviou outro escrito ao Consello escolar do I.E.S. para pedirlles que reconsideren a decisión tomada.
Sem comentários:
Enviar um comentário